viernes, 29 de noviembre de 2024

25N no Lama das Quendas...


NON É AMOR
 
Por que, nos contos que gardabas, eu era a devorada,
por que, na imaxe do amor puro, a moza estaba morta,
por que, no mito que teciches, urdiches o abandono,
por que, no afán de posuírme, cegaches os meus ollos.
 
Mírame agora que son silencio, eternidade,
mira o meu corpo branco, case azul na quietude,
son Ofelia de novo aboiando nas augas,
arrastrada na historia dun mundo á túa imaxe.
Ofelia case azul, xa para sempre muda,
inmóbil perfección de obxecto posuído.
Ergue a man, Ofelia, esa man que aínda leva
o sangue, a pel, a proba do delirio covarde.
 
Como se pode amar o camiño da morte,
como se pode amar o silencio do medo.
Que non, non é amor ese velo de sombra,
non, non é amor a negación do soño,
non, non é amor o desprezo estridente,
non, non é amor a voz que todo cala,
non pode ser amor esa ventá escura,
pois non, non é amor esa porta fechada.
 
Non te quero máis branca, nin azul, nin silencio,
non te quero aboiando nese río de sombra.
Érguete Ofelia, esperta e renega do conto,
non cegues os teus ollos, que o corpo che pertence,
renega dese mito que mata as túas entrañas,
renega do amor puro que te viste de morte.
 
Dacosta, Marta. (2011). Acuática alma. Espiral Maior.

martes, 26 de noviembre de 2024

jueves, 21 de noviembre de 2024

Documental do Lamañazo Rock #1

Documental da primeira edición do Lamañazo Rock, festival escolar feito no terceiro trimestre do curso 2022/2023 nas aulas de Música de 4º ESO ao abeiro do Castañazo Rock.

https://www.youtube.com/watch?v=D262YVX5SqU

martes, 19 de noviembre de 2024

martes, 22 de octubre de 2024

Presentación do documental do primeiro Lamañazo...

 Presentación do documental da primeira edición do Lamañazo no Cinema Palleiriso en Garabelos da man do Castañazo Rock.

Grazas a todas as persoas que por alí se pasaron a compartir verbas e opinións, cantos, músicas e poemas.

E grazas Anxo Moure por deixarnos unha vez máis o teu espazo para argallar cousas...

lunes, 10 de junio de 2024

Lamañazo Rock 2024: agradecemento...


Dende a organización do Lamañazo Rock, e unha vez pasados varios días da celebración do festival na nosa carballeira, queremos facer este comunicado de agradecemento:

1. En primeiro lugar á xente do Castañazo, alma mater deste Lamañazo, por motivarnos a comezar con este proxecto, e guiarnos e acompañarnos no proceso.

2. Á directiva do IES Lama das Quendas por facer (burocracia, documentos oficiais e demais) e, sobre todo, deixarnos facer, confiándonos equipamento e instalacións do centro con total liberdade.

3. Á Aula de Debuxo de 4º ESO e o seu profesor Ángel Alvaredo Maceda, polo traballazo facendo o novo logo e os cartaces do festival.

4. Ao profesorado e comunidade educativa, pola axuda e ánimos recibidos, a pesares de ter que faltar a algunhas das súas clases nos intensos días previos ao festival e aguantar algúns ensaios con máis volume do habitual.

5. A todas as bandas coas que contactamos que non puideron vir, por facernos chegar o seu alento e interese para futuras posíbeis edicións.

6. A todas as bandas que puideron arranxar (RASCALS, LIVIAO DE MARRAO E SIETE ROJO) para podermos desfrutar, de xeito completamente desinteresado, da súa maxia ao vivo e cun equipamento mínimo e subterráneo.

7. A Sonia da cafetería do centro e do Nº13, quen nos aconsellou e axudou á hora de organizar a cantina, e traballou no picoteo das bandas participantes.

8. A todas as entidades, asociacións e empresas que, dun xeito ou doutro, axudaron e colaboraron para que este festival collera forma: Protección Civil, FICH, Calambuco Distribuciones, Besbello, Matiz Instrumentos Musicais, Asociación Luis Nieves e Casa da Música de Chantada,.

9. A Miguel Piñeiro do xornal El Progreso, e Chema Núñez da emisora de radio COPE Lugo, por estar pendentes dende o principio e facerse eco deste festival máis aló destas terras do Asma.

10. E por último, mais non menos importante, a todas as persoas que sacaron un anaco do seu valioso tempo para achegarse na tarde do 6 de xuño e formar parte desta xa segunda edición do festival. Ilusión e ganas de traballar non han faltar, de seguro!

Viva O Lamañazo! 😈🤘🖤

martes, 4 de junio de 2024

RASCALS, quinta e definitiva banda para o Lamañazo 2024...

Somos un grupo maioritarimente integrado por habitantes de Zaquín, mais tamén da Ponte.  
Conxunto formado Moi recientemente e polo de agora só temos covers, ainda que cremos que nos definen ben. Parte dos temas son eses míticos que moita xente chamaría de “ascensor” e outros mais cañeros. Polo que que algo que nos podería definir ben a día de hoxe é unha fusión Jazzrock.
Nun futuro próximo, comenzaremos a sacar temas propios para que así a xente o poida pasar igual de ben que nós nun elevador. 😜

viernes, 31 de mayo de 2024

SIETE ROJO, cuarta banda para o Lamañazo Rock...

Grupo creado no 2020 en Ourense, a formación inicial estaba composta polo guitarrista e cantante Héctor Bello (ex compoñente de Os Parentes), Miguel Ángel Faílde na batería (ex compoñente de En Mala Hora), Manuel Gándara no baixo (ex compoñente de Costa Dorada) e Santi Pardao na guitarra solista (ex compoñente de Costa Dorada). Posteriormente, incorpouse Manolo no saxo (ex compoñente de Gin Tonis). O grupo presenta un repertorio composto por versións dos temas máis agochados de grandes bandas de rock nacional e internacional (Queen, MClan, The Black Crows, Fito y Fitipaldis, etc).

martes, 21 de mayo de 2024

Pide a túa camiseta do Lamañazo...

Reserva a túa por 10 euros antes do 23 de maio.

PASOS A SEGUIR:

Envía un correo ao lamanhazorock@gmail.com,
no que inclúas os seguintes datos:

1. Nome de contacto
2. Número de camisetas a reservar
3. Talla das camisetas (S, M, L ou XL)

Recordade que a data límite para encargalas é o 23 de maio.
Prégase compromiso na hora do encargo e do pago destas.



miércoles, 1 de mayo de 2024

Obradoiro de danza...

O pasado venres 26 de abril tivemos un marabilloso obradoiro de danza da man de Paulo Fernández de Kirenia Danza para o alumnado de 1º de Bacharelato no Espazo Xove de Chantada. Un luxo! 🖤



jueves, 22 de febrero de 2024

lunes, 29 de enero de 2024

Ceos Galegos con Dosi Veiga...

O pasado venres 26 tivemos unha vez máis a Dosi Veiga de Ceos Galegos ofrecendo unha charla a alumnado de 1º de Bacharelato sobre 'algo máis que astronomía' no Espazo Xove de Chantada. Un luxo!